Hai xa dous aniños que creei este blog, que se quedou en pouco máis que a intención debido a determinadas situacións que fixeron que o deixase de lado no seu día, hoxe o anhelo de volver escribir volveu, como volven os recordos aparentemente sin ter porqué, e por esa razón, quero volver cunha historia que ten que ver coa persoa que me levou a escribir a última entrada publicada aquí.
Agora que chega o bo tempo volven a miña memoria os vran na Abelleira na casa de meus avos, na Pontenova, en Bornalle e as carreiras polo Cruceiro adiante. Miña avoa tiña unha pequena granxe de coellos que a miña curmá Sara e a min nos encantaba pasar as tardes, ao lado da granxa baixaba o río da Rateira e pasando a ponte e seguindo un camiño chegabas ata a casa de miña avoa sen ter que achegarse nin tan sequera a estrada. Unha tarde xogando na granxa miña curmá e eu acabamos por berrar, e meu avó acabou por berrarme, e eu, indignada, dispuxenme a marchar dalí e voltar pra casa. Cal foi a miña sorpresa cando nada máis cruzar o portalón atopeime coas vacas da Gharrida, que me metían un medo tremendo, xusto ao lado da ponte, e como xa daquela era demasiado orgullosa como pra voltar a granxa, deume por agocharme nunha pequena cabaceira na que miña avoa gardaba o millo e observaba entre as rendixas das pedras a ver se aqueles demos de vacas marchaban. As vacas marcharon, ao mesmo tempo que escoitaba como miña prima saía tamén da granxa, así que alí seguín eu, agochadiña, e entretendome mentras debullaba espigas de millo. O tempo pasaba, todos andaban por alí, eu eu seguía agochada debullando millo e facendo bonequiñas cos cañotos, xogaba a facerlles melenas coas barbas, a deixarlle dous grans de millo como se fosen ollos... Cando todos marcharon quixen sair, e antes de facelo vin como na porta da casa que pegaba coa granxa estaba Ina, unha velliña cega pero con un oído prodixioso que me daba "gusanitos" e que se daría conta de sobra se escoitaba abri-la porta, así que alí seguín, ao meu, entretida mentras me fartaba de deixar espigas sen grans, creo que aquel día lle adiantei a metade da labor do vran a miña avoa... Logo escoitei como meu padriño chegaba alí, e lle preguntaba algo a Ina, e esta lle contetaba cun "demo de rapaza", así que a pesares do moito que eu debecía por meu padriño, tampouco quixen baixar. E así seguín, eu vía como por alí pasaban meus tíos, miña avoa, meu avo chegou e subeu mirar ao longo do río chamando por min, e vino volver as carreiras, pero eu seguía enfadada con el, así que me quedei alí, agochadiña. Cando todos deixaron de ir por alí e a min xa me doian o cu e as perniñas de estar alí sentada, baixei e acerqueime o río, había unhas pedriñas ao lado da ponte, e eu quería facelas brincas sobre a auga, e nesas estaba cando chegou miña tía e sen deixarme dicir nada me colleu dunha man e me levou pra casa. Alí, miña avoa andaba histérica, meu padriño berraba con todos e meu avo gritaba que había que chamar á policia. Cando me viron entrar pola porta todos preguntaban onde estivera, e conteilles que me enfadei con meu avo, que quixen marchar, pero lle tiven medo as vacas, así que me puxen a debullar millo, porque non podía ir pra casa que a min soa non me deixaban ir pola estrada. Meu tío, xa máis tranquilo, ríase ao escoitar a miña historia e dicía "a rapaza polo menos foi ghiadiña e non foi a carretera", e meu avo sentouse ao meu carón, preguntandome porque estaba enfada con el, e eu berreille dicindo que non tivera razón cando me berrara, miña prima votarame xofre das xaulas nos ollos e cando meu avó me veu berrarlle deu en berrarme a min, e conteille catro verdades na lingua dos nenos. Meu avó quedou calado, miroume e contoume o preocupados que estiveran todos porque eu non chegara á casa, e eu repetíalle unha e outra vez que el non tiña razón. Miña avoa acercouse a nós e dixolle a meu avó "non podes negar que sexa túa neta" e entón, aquel home alto e delgado que me facía comer sentada nas súas rodillas, deume un bico e díxome que xa era tarde, que me fose duchar e me metese na cama. Pola noite chegou á habitación na que eu durmía e sentouse aos pes da cama e contoume como él berraba de novo cos seus irmáns e que as veces había que saber perder, e cando eu lle preguntei que porqué se enfadaban todos conmigo se eu tiña razón, meu avó díxome unha frase que aínda hoxe me ven a cabeza : "no me quieren mis compadres porque les canto las verdades".
Hoxe penso naquel día e no mal que o pasou o pobre de meu avó, e hoxe entendo aquela cara de medo que lle vín mentras corría río arriba e rezo porque oxalá, se algún día teño un fillo, non me saia tan atravesado coma esta nena, penso naquela conversa con meu avó, e agradezolle enormemente aquelo que me dixo de "miña neta, hai que dicir as cousas, pero tamén hai que saber como dicilas"

