Dende sempre a muller tivo un papel decisivo na vida dos familias da nosa terra, e se nas vilas de interior era importante, máis o era aínda nas vilas mariñeiras, onde gran parte das familias tiñan aos homes no mar, algúns, marchaban antes de que o sol comezase a debuxa-la silueta dos montes que rodeaban o noso pobo e non volvían ata a tardiña, outros, simplemente, embarcaban un día e non voltaban ata aló menos varios meses despois. Neste panorama, eran a muller quen se convertía na cabeza de familia, dela dependía a educación dos fillos, e dela dependía a economía e a administración dos bens da familia, non sen antes facerlle crer o marido que a súa decisión importaba, pero todos sabemos que quenes en verdade cosían e descosían eras as donas, e a elas debemos a herdanza cultural da que gozamos.

Hoxe, como inauguración deste blogue, ao que na honra destas mulleres decidín darlle o nome de fillas do mar, sinto o anhelo de ofrecerlles unha pequena homenaxe a todas elas. Podería falar dos traballos que realizaban, do marisqueo, da costura de redes, da cría de gando, que inda que fosen fillas do mar, as veces precisábase tamén da terra pra poder levar bocado ao calleiro... e todos eles serían temas dignos de admirar e de grandes eloxios, máis hoxe, na honra a todas elas, quero realzar a súa fermosura e feminidade, pese ao traballo e a vida dura, e tratándose, como se trata este blogue, de xente de Muros, ¿como non falar do tan coñecido traxe muradán? Xa dende vello, que non vos é cousa da recuperación nin dos grupos folkloricos, grandes persoaxes da nosa cultura eloxiaron a nosa vestimenta, así, no poema da Virxe da Barca, Rosalía de Castro adicaba as donas do noso pobo gran parte desta composición, na cal as comparaba con deusas, sen ir máis lonxe. Máis a admiración polas mulleres do noso pobo non se reducía a Rosalía, o seu home, o historiados Manuel Murguía, dicía así nun dos seus artigos: ”El traje muradano es por su riquez, severidad, gusto y elegancia, digno de la proverbial hermosura de las que lo traen.” Tamén Emilia Pardo Bazán adicou parte dos seus estudios as nosas donas, e así deixou tamén escrito “Si vió la luz en las poéticas orillas de las Rías Bajas o en Muros, vestirá el rico atavío que enamora a cuantos lo ven”.

Xa sabemos que o traxe muradán e as nosas donas gozaban de grande sona por toda Galicia, máis, ¿como era o traxe muradán? ¿que era o que lle daba tanta sona? Pois o traxe típico da nosa localidade sufriu, o longo dos séculos sufriu modificacións debidas ás modas, aos materias existentes, máis está caracterizado principalmente polo uso do mantelo (o cal chegou a coñecerse co nome de muradana), o cal consistía nunha peza de pano sedán negro, rematada en terciopelo ou sedas brocadas e adornado con pedrerías, habitualmente de acibeche, que se poñía sobre un refaixo de cor escura tamén, no canto do mantelo podía usarse a vasquiña, a diferencia deste, esta prenda, aberta tamén, montaba un lado sobor do outro, soia ser máis largo e usábase sen refaixo, adornada da mesma forma que o mantelo. Soían levar un corpiño ou unha chaquetilla de cor viva, por riba da camisa, branca ou negra, con mangas amplías e grandes puños axustados ao logo do antebrazo. Durante o século XVII tíñase tamén por costume levar un pano de fleco claro por dentro do xustillo, pasando polo pescozo. Os mantóns que cubrían os seus hombros soían estar bordados a man con delicados debuxos, habitualmente eran de lana, máis tamén se usaban as sedas, pero polo tempo propio da nosa terra so se usaban no tempo de verán, ademais, a diferencia dos mantóns do resto da península, o mantón muradano so ía bordado nunha das súas puntas, e en pico e anudado sobre os hombros, cruzábase esquerdo sobre o dereito a altura do peito. Por riba do mantón usábase as veces a mantilla, unha peza de pano negro adornada de terciopelo ou raso e pedrería, a cal se poñía sobre os hombros e se deixaban caer os picos da mesma cara adiante, nas celebracións relixiosas, esta prenda cubría a cabeza, aínda que tamén podía ir cruzada sobre a cintura se se usaba a cofia recollendo o cabelo. Ao pescozo, levaban ricos e pesados collares de acibeche e outro, o colar típico muradán contaba con corenta grandes doas de ouro, e no centro, un cristo, tamén de ouro, no colar adoitaba colocarse un sapo, o cal tamén podía ir prendido da roupa e das orellas colgaban grandes e delicados pendentes dourados tamén, habitualmente os coñecidos como pendentes de reloxo, soían levar os cabelos recollidos en longas trenzas, peiteadas con raia o medio, e nos pes, media branca de seda e zapatos de tacón, escotado e con hebilla.

Do traxe de cotío poucas reseñas temos, pois o agora descrito era o traxe dos días de festa, sabemos que era habitual o uso do Sancosmeiro, que era un sombreiro de palla, achatado e de ala ancha, con cintas negras, típicos da parroquia de San Cosme, en Outes, soían levar tamén corpiño de pano e refaixos da mesma tela, e podíanse cubrir con mantóns de la ou de chachemir.

Fillas do Mar